5/5/11

Rematando un período lector

Tiñamos este blog un pouco esquecido, aínda que comezamos as lecturas no club xa vai para uns cantos mesiños... Aproveitamos esta nova entrada para lembrarvos que as reunións colectivas dos grupos do club terán lugar o xoves e o venres desta semana. Así que, o xoves xuntaranse os grupos do 1º ciclo e o venres os do 2º; aínda que por suposto todo o alumnado, pertenza ou non ao club de lectura, pode acudir a estas.
No 1º ciclo, como xa sabedes, os libros lidos foron: La maldición del maestro de Laura Gallego , Reckless. Corazón de pedra de Cornelia Funke e Da terra á lúa e Miguel Strogoff de Jules Verne. Os grupos do 2º ciclo leron: Geografía mágica de Ana Cristina Herreros; De profundis, A mansión dos Pampín de Miguelanxo Prado e Os lobos de Moeche de Manuel Cráneo; Delicioso suicidio en grupo de Arto Paasilina e Picnic en Hanging Rock de Joan Lindsey.

25/6/10

Lecturas para o verán


O club de lectura Sansaliber elaborou unha guía de lectura con algúns dos libros que se leron neste durante o curso para aqueles que desexen ter un verán con lecturas. Felices vacacións.

24/6/10

Comicatízate e comiqueando

Xa sei o que estades pensando, pero que é iso de comicatizarte? Pois, é sinxelo: no Club de Lectura Sansaliber pensamos que sería interesante continuar as lecturas no verán e para isto seleccionamos uns cantos cómics que están expostos na biblioteca e inventamos esta “verbiña” tan peculiar. Así que este verán un cómic, polo menos! A outra palabra (“comiqueando”) ocorréusenos para definir a lectura da banda deseñada nos moi, moi longos días de verán cando esteades na praia, debaixo dunha árbore, nun banco dun parque, á luz dunha lanterna mentres observades as estrelas.... Lembrade, antes de que rematen as clases pasade pola biblioteca que vos agardan os protagonistas de De profundis, Aya de Yopougan, Persépolis, Aventura no Camiño de Santiago... E moitos máis. Corto Maltés retrasouse un pouco pero seguro que chega antes do verán... E Asterix e Obélix xa volveron aos andeis despois de acompañar durante o inverno aos alumnos e alumnas de Cultura Clásica de 3º que son uns verdadeiros afeccionados a ler as aventuras dos galos.

Corto Maltés
http://diccionarioasterix.blogspot.com/

I Certame de Microrrelatos Sansaliber

Parabéns para André, Iria, Sara e Silvia que foron os gañadores do I Certame de Microrrelatos Sansaliber cos relatos titulados: “Mauro e a lúa”, “La mosca”, “Unicornio” e “Estatua”. Tamén felicitamos a Rubén e Oriana, gañadores dos accésits por “Sin tinta” e “O adeus”.

9/6/10

Miguel Hernández

Algúns dos vosos compañeiros e compañeiras estiveron lendo Mala luna de Rosa Huertas, unha entretida novela na que o poeta Miguel Hernández ten un importante papel. Nós deixámosvos con esta reseña da novela e este vídeo sobre o poeta...

http://blocs.xtec.cat/asaiz/?p=399


Do poeta solidario de “El niño yuntero”:
¿Quién salvará a este chiquillo
menor que un grano de avena?
¿De dónde saldrá el martillo
verdugo de esta cadena?

Do poeta namorado que escribía no seu poema “Carta”:
Cuando te voy a escribir
se emocionan los tinteros:
los negros tinteros fríos
se ponen rojos y trémulos,
y un claro calor humano
sube desde el fondo negro.

Do poeta entristecido pola morte do seu amigo Ramón Sijé:
A las aladas almas de las rosas
del almendro de nata te requiero,
que tenemos que hablar de muchas cosas,
compañero del alma, compañero.

De Miguel, o “perito en lunas”, “umbrío por la pena, casi bruno” e alto de “mirar a las palmeras”:
Alto soy de mirar a las palmeras,
rudo de convivir con las montañas...

25/5/10

Terceiro período de lectura

Aquí andamos, xa case rematando o curso e mesmo a pesar dos exames e probas varias dedicándolle un tempiño á ectura. Os do primeiro ciclo están lendo: Diario de Greg. Un pringao total (Jeff Kinney), A praga escarlata (Jack London), Mala luna (Rosa Huerta) , La llamada de los muertos (Laura Gallego) e A lenda de Seepy Hollow (Washington Irving). Os do segundo len: El palacio de la medianoche (Carlos Ruíz Zafón), La fórmula preferida del profesor (Yoko Ogawa) e A cabeza da Medusa (Marilar Aleixandre). Felices lecturas!

11/5/10

Henning Mankell

O ano pasado algúns dos vosos compañeiros leron a novela de Henning Mankell El secreto del fuego que conta a historia de Sofia unha persoa invencible que consegue sobrepoñerse á unha terrible desgraza e a numerosas adversidades. En palabras do seu autor: “Este libro trata de una persona invencible llamada Sofia. Existe en la realidad y tiene 12 años. Vive en uno de los países más pobres del mundo, Mozambique, que está situado en la costa este de África.”

O libro foi un éxito e non só entre os lectores do club. Fai xa algúns días, un grupo de compañeiros e compañeiras deste acabou de ler La ira del fuego, continuación independente de El secreto del fuego.

Henning Mankell é un exitoso novelista e dramaturgo sueco, autor das moi populares novelas policíacas protagonizadas polo comisario Kurt Wallander. É director do Teatro Nacional de Mozambique, país en cuxa capital (Maputo) reside a tempo parcial na actualidade. Entre os numerosos premios que recibiu figura o San Clemente do ano 2009. Por certo, sabías que o Premio San Clemente (certame literario que premia as mellores novelas escritas en lingua galega, castelá e estranxeira) está organizado polo Instituto Rosalía de Castro de Santiago e que son os alumnos/as deste centro conxuntamente cos doutros catro centros de Galicia os que elixen as novelas premiadas?

http://www.laopinioncoruna.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009062300_13_298080__Cultura-Henning-Mankel-Pison-Inma-Lopez-Silva-premios-Clemente

Se queres saber máis sobre Mankell:

http://www.henningmankell.com/

Sofia:

http://www.henningmankell.com/Books/About_Sofia

En fin, rematamos con este vídeo no que Mankell (que fala moi ben portugués, lingua oficial en Mozambique) presenta o seu libro Moriré, pero mi memoria sobrevivirá no que reflexiona sobre o devastador impacto da sida en África.